A cadelo fraco, todo é pulgas.

Témolo cru os escravos mantedores do sistema. Recortes en soldos e en dereitos namentres os ricos son máis ricos. Esta é a solución a crise do  Señor Rajoy para estes anos marianos.

Sempre dubidei da capacidade mental dos nosos presidentes é, particularmente, dende o Prestige, do prestige mental  do Señor Rajoy. Este  Señor considera a todo españoliño que supoña un gasto para o estado coma a peor enfermidade para a economía do país. Será por iso que para curarlle a gripe a economía bancaria mercou as menciñas máis caras, (que pagamos nós), e para axudar a curar á gravísima economía da paupérrima cidadanía, dálle  xarope de impostos.

En fin, que todo vai subindo, agás o leite caducado e o pan duro. E nin iso van poder mercar os parados a partir do sesto mes xa que Rajoy lle quita un dez por cento da súa riqueza para incentivalos a buscar traballo.

Di que ten que facelo, inda que non lle gusta,  obrigado polas circunstancias.

Entre os seis  millóns de parados que hai, (menos ca corruptos), están os máis incentivados do mundo para buscar traballo porque non lle entra nin un euro nos seus fogares para poder mercar ese leite caducado mailo pan duro.

Así que, despois de oírlle  semellante falacia tamén teño que facer algo que a min tampouco me gusta; que é insultar, pero véxome obrigado polas circunstancias:

"Non" Señor Rajoy, é vostede un imbécil!

E os españois aínda o somos máis, (agás o 15M), por non aplicarlle a súa propia reforma laboral e botalo fóra da Moncloa cunha patada no cu por improdutivo, (agás para a banca e os empresarios), por incompetente e por insultante.
.

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.