A miña dona gústalle moito dar unha volta polo paseo fluvial de Arteixo, (será porque sobrevivimos neste concello), pero non lle gusta ir soa e, como os fillos xa non lle fan caso e non ten can para pasear, lévame con ela.
 
E alá vou eu, sen correa pero ben domado, porque se quero andar o meu ritmo logo me di:
-Non apures tanto, ho!
-Pois dálle ás pernas María!- contéstolle ríndome  e, de paso, apurando máis o ídem.
-Así, así, como os mouros, el diante e a muller detrás!
Ao sentir aquel tirón de correa subliminal espero por ela e póñome ó seu ritmo, que eu son un machista moi feminista e por aí sí que non paso.


Nun deses paseos a miña dona quixo tomar folgos e formos a sentar fronte a dous banqueiros xubilados, e a outro banqueiro máis novo que lles  facía compaña ... un coxo a dúas muletas pegado. (Digo banqueiros porque estaban sentados nun banco).

Un dos vellos estaba comentando o moito que cobraban os alcaldes e que lle parecía que era cobrar dabondo.

-Home!, polo menos merecen cobrar o triplo que un obreiro, pois o alcalde é alcalde todo o día.- respondeulle o outro con retranca.

Víndolle a resposta ao pelo o dono das muletas aproveitou para entrar na conversa.

-Daquela eu teño que cobrar o triplo do meu soldo!

-Boeno, ho!, se estás coxo por accidente laboral xa estarás cobrando o cento por cento, non?

-Si, pero se teño un soldo de mil euros por traballar oito horas agora debería cobrar o triplo, porque, como os alcaldes, eu sonche coxo as vinte e catro horas!

E non lle falta razón!- di a miña dona ao tempo que se ergue.

-Vamos cara a casa?

Eu sei que non me está a preguntar, senón que mo está a ordenar.

-Vamos logo-contéstolle eu.

E mentres imos sorrindo comentando o conto eu vou cavilando se non sería boa idea mercarlle un canciño.

Non aos banqueiros, a miña dona!

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.