Cando Pluto, Deus da riqueza, foi cegado por Zeus para que a distribuíra sen prexuízos,  quedou  deambulando sen saber na casa de quen paraba ou quen o recibía.  Os ricos, os deshonestos e os corruptos facían mal uso dos cartos satisfacendo necesidades superfluas e creando diñeiro a partir de diñeiro.

Crémilo, un pobre pero bondadoso agricultor, que estaba moi preocupado por aquela situación, pensou que se Pluto recuperaba a vista corrixiría os erros e o mundo sería un lugar mellor, polo que foino buscar e levouno ata a cova do Deus Asclepio para que lle devolvese a vista.

Ao curar, o Deus da riqueza viu como son os homes e mudou a situación e, dende entón, vai soamente aos bos e honestos, namentres os perversos son condenados á miseria.

O Deus decátase de que todo depende da riqueza, do diñeiro. Que os políticos, cando son pobres, son máis xustos para a cidadanía, pero cando chegan ao poder e botan a man nos fondos públicos, cando xa se fan moi ricos, desaparecen tódolos límites a súa maldade e vólvense inxustos, conspirando contra a democracia e enfrontándose ao pobo.

A corrupción levou aos políticos e á xustiza a esquecerse das clases produtivas.

Que mal lle curou a vista o Deus Asclepio!

Xa que parece que Pluto quedou cego de novo, ¿sabe alguén onde se atopa a cova do Deus Asclepio?

Ou mellor, xa que Asclepio non é de fiar, e como non está a cousa para esperar a vez polo Sergas, facermos unha colecta e levámolo urxentemente á consulta particular dun oftalmólogo.

E recemos para que teña cura!

Pluto é unha das comedias máis representativas do escritor grego Aristófanes onde trata o problema da desigual distribución da riqueza no mundo.

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.