O meu veciño Paco é un home moi apracíbel. A Paco, nos trinta e pico de anos que leva conducindo, multárono tres veces. Sempre pagou as multas, non de boa gana, que ninguén as paga de boa gana, pero facíao sen queixarse. Como di el..." como a merecía, non penso nesta multa, senón que penso que se tivese que pagar as que merecín, financiáballes un cuartelillo".

Así é Paco. Apracíbel e bonachón, amais de honrado e decente.(Cousa que, igual cá boina, xa non se leva). Un home de pro...como se dicía noutrora.

Paco leva a súa dona a traballar no coche tódolos días. Incluídos os Martes 13, día que aconteceu o que conto.

Coma sempre, saíu cara a Coruña as sete e pico da mañá. Leva a radio posta, ademais dos cinco sentidos, namentres conduce. Que boa falta fan os cinco a esa hora punta,(aínda que non sexan en punto, senón e media).

Cando está chegando ao paso de peóns que está á altura do cuartel da Garda Civil de Arteixo ve un home que está a cruzar.


O cerebelo de Paco aprecia automaticamente a velocidade do movemento e calcula o tempo que necesitará o peón para alcanzar o punto desexado. Logo transmite á corteza motora os impulsos correspondentes que inhiben aos músculos agonistas e activan os antagonistas. Deste xeito, disponse dun "freo" adecuado para facer o movemento no momento preciso.

Así que, a corteza motora de Paco, viu que ao peón dáballe tempo a pasar e descartou o movemento pendular de aplicar tal movemento. É dicir; frear.

Xa preto da rotonda crúzaselle un coche da Garda Civil e faino parar.

Multa por non respectar o paso de peóns.

-O paso non, pero ao peón respecteino, ou pilleino?-pregúntalle cabreado.

-Nós xa nos decatamos que non ía vostede a parar -contesta o garda mal encarado.

Multa tramitada. Cen euros menos.

Pois si que se nota que é martes 13! Haberá que pagala axiña para que, no canto de Martes trece, sexa Martes doce e medio.

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.