Tal día coma hoxe, do ano 1952, a garda civil rodeaba unha cova na parroquia de Regueira (Oza dos Ríos, A Coruña), onde se atopaba o Foucellas cuns poucos homes do seu grupo guerrilleiro.

Aquel día era feira en Curtis e pensaba ir á celebración dunha voda pola noite. As oito da tarde Foucellas saíu cara o río para afeitarse, e nada mais botar os fuciños fóra da cova, atópase cos gardas. Dá un chimpo e bota  a correr pola finca abaixo ata o prado, onde se lle funden os pés na terra enchoupada e abrandada pola auga.

Facía un branco doado e non tardou en recibir unha bala nunha perna que o deixou coxo.

Así rematan, despois de andar 16 anos fuxido nos montes, as andanzas de Benigno Andrade García,  nado da aldea de As Foucellas, en Mesía (A Coruña); o maquis de máis sona nas catro provincias de Galiza.

Foi xulgado e condenado ao garrote vil. Tivo a esperanza de recibir o indulto no día do Apóstolo, patrón de España. Pero non lle foi concedido e o 7 de xullo de ese ano Benigno cumpría a sentenza na prisión Provincial da Coruña.

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.