Nun bar do meu barrio había un chapolín. E todos os días botábanse partidas por parellas, converténdose nun costume diario durante moitos anos. Abofé que non sei cantas partidas xoguei, pero entre tantas, sempre lembrarei un par delas. Só contarei unha, que a outra, como di Cyrano, "é meu segredo".

O conto foi, e non é conto, que naquela partida era a quenda do señor Luís. Luís non tiña unha boa xogada, así que tirou desganado. E despois de tirar, quedou a carón da mesa de xogo e arrimou o taco ao ombreiro, pousando o cu do mesmo no bordo do chapolín. Todos quedamos ollando a onde fora parar a bóla branca, que, como non se vía na mesa de xogo, esperabamos escoitala caer ao chan.

Entón, mirei para Luís e vin a bóla xirando na punta do seu taco un segundo antes de caer. 

—Bóla do demo! —dixo alguén.

Talmente así foi. 

Sempre que o contaba, ao rematar quedaba avergoñado, pois ninguén mo quería crer. E como non me gusta que me traten de mentireiro, decidira non volver contalo.

Pero o ano pasado, máis de trinta anos despois, estando no taller mecánico do señor Ricardo, ocorréuseme contarlle o conto ao seu fillo, que gasta o mesmo nome e o mesmo oficio. O señor Ricardo, con sona de home formal, estaba preto de nós e, ao escoitar a conversa, xa seguiu el co conto. Eu non o lembraba, pero tamén estivera nesa partida. 

Agora xa non me dá medo contalo, pois, cheo de razón, remato sempre o conto dicindo: 

—Se non mo queres crer, vaillo preguntar a Ricardo García!


0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.