Nos recantos sombrizos da cidade, onde o eco do desamparo resoa entre os fríos edificios, nos que as súas fiestras parecen ollos cansos observando un mundo que pasou por eles sen deterse, habita unha realidade que moitos preferirían ignorar. Neste mundo de inxustizas e indiferenzas, un home solitario pasea a súa necesidade polas frientas rúas, buscando calor non só para o corpo, senón tamén para o seu corazón esquecido. Unha cafetaría, coa súa fachada de madeira desgastada e cristais embazados, convértese nunha esperanza para un mendigo que agarda atopar alivio nunha cunca de café. 

O aire fresco da mañá filtrábaselle nos ósos e tollía o seu corpo aldraxado. O mendigo entrou na cafetaría, refregando e soprando nas súas mans proídas polas frieiras, coa esperanza de tomar algo quente que lle axudase a pasar aquela desapracíbel mañá. Achegueuse ao mostrador e, con voz temesiña, pediu se podía pórlle un café con leite, esperando que a xenerosidade do camareiro lle dese acougo. Pero o camareiro non quixo servirllo. Aquela negativa golpeoulle de veras con forza a súa alma. Baixou os ollos ao chan, incapaz de soportar a mirada de mágoa ou desdén que puidese haber nos ollos dos demais. Coa cabeza humillada dirixiuse á saída, cargando o peso da indiferenza e o rexeitamento sobre os meus ombreiros. 

Porén, neste ambiente de relativa tranquilidade, os destinos pódense entrelazar e emerxen das sombras historias ocultas para seren testemuñadas por ollos atentos. 

Unha moza, absorta nos seus pensamentos mentres esperaba que lle arrefríase o seu fumegante café, observouno como se achegaba ao mostrador, coa súa mirada chea de necesidade, e pedía humildemente un café con leite que, con indiferenza, o camareiro lle negou, coma se o simple feito de ser un esmoleiro fixéseo indigno do seu café e da súa compaixón. A incomodidade apoderouse dela. Como podía alguén ser tan cruel, tan insensible ante o sufrimento doutro ser humano? No momento que os seus ollos chocaron cos do home, recoñeceu a desesperación e a humillación que enchían a súa mirada. Ergueuse da súa silla por un impulso repentino de piedade e empatía e foi cara a el chamándome en alto "Papá!" O seu berro ecoou polas paredes, sorprendendo ao propio mendigo e a todos os presentes. 

O corazón da moza latexaba con forza, impulsado polo desexo de facer algo, calquera cousa, para aliviar o sufrimento que presenciara. Porque aínda que non fose seu pai, era un ser humano necesitado de axuda e non podía quedar de brazos cruzados ante a súa dor. E cun aceno tenro, levouno dun brazo ata a súa mesa ao tempo que lle pedía ao desalmado camareiro o café con leite que lle acaba de negar. 

Naquel momento de desánimo, aquela man estendida, aquela voz tenra e amiga, foi para o vello mendigo como unha raiola de sol entre os seus nubeiros de desespero.

Nun mundo de indiferenza e crueldade, a compaixón lémbranos da nosa capacidade de facer o ben e de coidarnos uns aos outros, mesmo cando os lazos de parentesco son só unha ilusión pasaxeira. E así, o simple xesto de estender unha man amiga transforma non só a vida do mendigo, senón tamén a da moza, que, ao elixir actuar, converteuse nunha testemuña da bondade que aínda reside nos nosos corazóns. A súa acción representa unha lembranza viva do poder transformador da compaixón e da solidariedade na construción dun mundo máis xusto e humano. Esta historia do mendigo e da moza que atoparon unha conexión inesperada nun lugar tan común como unha cafetaría, lémbranos a importancia de mirar máis alá das aparencias e de estender unha man amiga aos necesitados.

Nunca subestimemos o poder dun xesto de compaixón. Porque, no fondo, todos somos como o mendigo, buscando un pouco de calor nun mundo que, ende mal, a maioría das veces é indiferente ás angurias dos demais.


0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.