Na pequena vila de Arteixo, onde todos se coñecían, había un garda chamado Caetano que se tomaba o seu traballo de maneira escrupulosa. El considerábase o gardián das normas, e nada escapaba á súa vixilancia. Entre os veciños, o mozo Gaspar era o principal obxectivo das súas rigorosas multas. E a pesar de ser Gaspar un condutor prudente, Caetano sempre atopaba unha razón para multalo. 

Unha mañá de outono, Gaspar parou o seu coche preto do parque infantil para deixar aos seus sobriños. Caetano apareceu coma un falcón, coa libreta de multas na man:

—Multa por estacionar demasiado cerca do parque!

Gaspar, sorprendido, replicou: 

—Home, eu penso que estou a máis de cinco metros da entrada!

Caetano, co seu ceño fruncido, contestou:

—A lei di que deben ser dez metros. Ti non tes que pensar, só tes que respectar o código de circulación!

Outra tarde, Gaspar regresaba á casa logo dun longo día de traballo. Fixera unha breve parada para coller algo na farmacia e, ao saír, atopouse con Caetano, que xa estaba escribindo unha nova multa: 

—Multa por deixar o coche en dobre fila!

Gaspar, intentando manter a calma, explicou: 

—Home, eu pensei que por un minuto non estorbaba!

Caetano, imperturbable, retrucou: 

—Ti non tes nada que pensar, só tes que respectar o código de circulación!

Un día, Gaspar estaba pasando un paso de peóns cando viu que na beirarrúa oposta un peón poñía un pé para cruzar polo paso peonil. Gaspar, sabendo que tiña tempo de sobra para pasar antes de que o peón chegase a dar outro paso, continuou a marcha. Pero Caetano, co seu habitual ceño fruncido e o bloc de multas na man, berroulle e doulle o alto desde a beirarrúa: 

—Multa por pasar cun peón no paso peonil!

Gaspar intentou defenderse: 

—Home, como o peón acababa de chegar eu pensei que podía pasar!

Caetano, inflexible, respondeu: 

—Non tes que pensar nada, ti só tes que respectar o código de circulación!

E, unha vez máis, Gaspar recibiu unha multa.

Pasaron os días e chegou un momento no que o destino pareceu querer xogar unha broma cruel. 

Caetano, o garda tan estrito e rigoroso co cumprimento do código de circulación, estaba a cruzar por un paso de peóns regulado por un semáforo. Mentres cruzaba, o semáforo cambiou a vermello antes de que acabase de pasar. Gaspar, que estaba esperando pacientemente que o semáforo cambiase, tan pronto se puxo verde arrincou, sen lle dar tempo a que Caetano acabase de cruzar, e atropelouno. Caetano quedou tirado sen vida no paso de peóns, co bloc de multas esparexido pola estrada. 

Gaspar escusou o seu crime con frialdade: 

—Eu non teño que pensar, só teño que respectar o código de circulación.

A ironía do destino deixaba unha lección clara: a importancia de combinar o respecto polas leis cun sentido común que poida evitar peores consecuencias. Gaspar, a pesar de seguir as regras, amosou que ás veces a obediencia cega pode ser tan perigosa como a infracción das normas. E así, na memoria de todos quedou gravada a frase final de Gaspar, unha reflexión sobre a ironía da vida e a necesidade de equilibrar a lei coa prudencia.


0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.