A muller de Tino encántalle dar unha volta polo paseo fluvial pola atardecida. Mais non lle gusta ir soa, e como os fillos xa non lle fan caso e non ten can para pasear, pídelle a Tino que a acompañe. E, como ela máis que pedir dita, alá vai el, sen correa pero ben domado, porque se bota andar cun ritmo máis rápido do que a ela lle convén, logo lle di: 

—Non apures tanto, ho!

—Pois dálle ás pernas, muller! —. Contéstalle Tino facéndolle burla. E, de paso, apurando máis o ídem, só por amolala.

—Así, así, como os mouros, el diante e a muller detrás!

Ao sentir aquel tirón de correa subliminar, Tino espera por ela para se poñer ao seu ritmo, que el é un machista moi feminista e por aí si que non pasa.

Nun destes paseos, acorados polo esforzo e suando pelo a pelo, derons en tomar folgos e foron sentar fronte a dous banqueiros, que daban trazas de estaren xubilados, e un mozo que lles facía compaña a dúas muletas pegado —banqueiros por estaren nun banco sentados—. Un dos vellos estaba comentando o moito que cobraban os alcaldes e que lle parecía que era cobrar dabondo.

—Home!, polo menos merecen cobrar o triplo que un obreiro, pois o alcalde é alcalde todo o día e toda a noite —. Narnexa o outro con moita retranca e apoio dun aceno. Víndolle a resposta ao pelo, o dono das muletas aproveitou para entrar na conversa:

—Entón eu debería cobrar o triplo do soldo!

—Home!, se estás coxo por accidente laboral xa estarás cobrando o cento por cento, non é?

—Si, pero é polo soldo de traballar oito horas cando debería cobrar o triplo, xa que logo, como os alcaldes, eu sonche coxo as vinte e catro horas!

—Non lle falta razón! —di a dona de Tino, ao tempo que se ergue—. Vamos cara á casa?

Tino levántase ao momento, que sabe que non llo está a preguntar, se non que llo está a ordenar.

—Vamos logo.

E mentres dá as alancadas ao ritmo que lle marca quen manda, Tino vai cavilando que cavila se non sería unha boa idea adoptarlle un candelo para que non o pasee a el.

Relato publicado na revista do San Xoán de Carballo, 2023

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.