Sempre lembrarei aquel 23-F. Non polo que é famoso, senón por seren o día no que embarquei cara San Gregorio (Zaragoza). "Matadero de recrutas" di a canción.

No mes e pico que estiven alí non pararon de repartir lapotes e vacinas. Dos lapotes librámonos algúns; das vacinas, ninguén. Parecía que te estaban preparando para xantarte máis adiante e querían asegurarse de que non lles contaxiases algunha enfermidade.

Tocoume fregar moitas perolas e mondar sacos e sacos de patacas, que non eran de Coristanco.

Cando me destinaron a Calatayud, non sei si foi polo meu "currículo", tocoume cociña. E de novo a limpar chans e mesas, fregar platos e vasos a centos e cubertos a miles...e así tres veces ao día durante meses.

O trato foi vexatorio, humillante de seu. Lembro a un sarxento de comedores que se sentaba nunha mesa e apuntaba coa pistola a uns e a outros e, cando se pasaba preto del, aproveitaba para darche unha patada no cu. Non é por fachendear, pero comigo trabábaselle a perna. Debía ler na miña cara que eu non era de fiar. Tamén teño que dicir que outra vez dei  con un capitán que non debía saber ler, como me quentou a meixela! Pero iso é outra historia.

Non vou reclamar nada polos servicios prestados como soldado, pois suponse que fun para servir á patria "chica", que así lle chamei a España cando un capitán me preguntou cal era a miña patria pequena. En fin, ao que non fun foi a aforrarlle un soldo de "chacho" ó exército.

Por iso quero esixir que na miña "vida laboral" se reflicte os catorce meses que traballei para o exército, que me paguen os tres últimos meses que me deben, que me dean a indemnización por fin de contrato e que me digan cantos meses de paro me corresponden.

¿Ou é que o exército non cotizou por min?

¿Terei que denunciar esta irregularidade no ministerio de traballo?

Tamén quero que me dean o trato de ex-militar, ¿ou non teño os mesmos dereitos cós ex-presidentes, ex -ministros, ex-alcaldes e outros ex, que, coma min, un día foron e agora xa non o son?.

E cando me xubile voulle levar a "blanca" para que me dean a paga que me corresponde por ex-militar. Que servín máis a España que algún dos outros ex. E ben máis barato!

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.