Todos sabemos que, segundo a ideoloxía, un ponse a prol do mass media que diga o que un quere oír, (ou ler), sen, presuntamente, dubidar nin unha chisca en que poida ser verdade ou mentira. 

Hogano todos sabemos o menú do pasado goberno, (que non se sabe se era noso ou alemán); paro, recortes en sanidade, en educación, no I+D. 
E aí quedan as estafas das preferentes, os desafiuzamentos, o rescate das caixas, das autoestradas, a mobilidade laboral, a reforma ídem. 
Os casos de corrupción: Gürtel, Púnica, Nóos, Bárcenas, Camps, e sen esquecer as caixas bes…, e paro, ou stop, (quero dicir que non sigo).

Como é posíbel que aquel partido que nos gobernou, culpábel de que suframos mil pragas de Exipto, aínda apareza nas enquisas de intención de voto?

Cos antecedentes arriba nomeados e declarado culpábel de corrupción, (e disque de organización criminal), non podo crer que non sexan as pingas que reborden o vaso.

Neste reino borbónico parece que ofende máis a mala educación de quen che pide a punta de navalla a carteira polo abrente sen darche os bos días.

En fin, a prol desta España chamada país, cito un refrán moi escatolóxico que reflicte graficamente o pouco que nos paramos a pensar cando eliximos; "Da lagaña ao moco vai moi pouco", xa que as opcións que temos son malas.

Porén, a pesar de dispor de tódolos requisitos mentais; eses que nos deixan distinguir entre o ben e o mal, tomarmos as decisións en función do que cremos no canto do que vemos, polo que, por mor dunhas conviccións herdadas que non nos deixan comprender o que temos á vista, estamos predispostos a pensar no futuro en termos do pasado. É dicir: non queremos cambiar de opinión. Agás claro, cando estamos unidos polo mal humor e nos ofenden os maleducados.

Eu, co gallo de non ter pesadelos nas próximas noites, recorrín a esta rebuscada escusa porque non quero crer na posibilidade de que nos falte un par de ferveduras.

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.